IniciosociedadeConsellos para a corentena: "no mar pensas nas túas metas e no...

Consellos para a corentena: “no mar pensas nas túas metas e no que poderás facer cando volvas a terra”

Un mariñeiro de altura e unha psicóloga ofrecen recomendacións para afrontar os días que restan de confinamento

Publicada o

- Advertisement -

Aínda que xa levamos dúas semanas de corentena por mor do coronavirus, quedan aínda por diante varios días de confinamento nas casas e mesmo o Goberno central podería prorrogar o estado de alarma de continuar o impacto da pandemia. Nestes casos, cada xornada que pasa o cansanzo e a frustración aumentan e resulta cada vez máis complicado respectar a norma. Como levar esta situación? Falamos cunha psicóloga e cun mariñeiro de altura, acostumado a este tipo de situacións.

A tripulación do Siempre Nuevo Ángel, que estes días pesca en augas de Cabo Verde e Mauritania, saíu de Viveiro o pasado 7 de xaneiro e descargou o 3 de marzo, antes de que a epidemia comezase a deixarse sentir con forza en España: peixe espada, caella, marraxo ou atúns, as pesquerías habituais dun barco de palangre de superficie, especializado no produto conxelado.

NO MAR DESDE XANEIRO ATA PROBABLEMENTE XULLO

Desde ese mesmo día 3 comezaron a segunda marea do ano e a intención é volver á casa a principios de maio, pero o estado de alarma dificulta a chegada de relevo. “Tal como está a situación seguramente nós poderiamos volver a España, pero non saír eles do país. Así que de ser así botariamos outros dous meses máis, iriámonos a xullo”, explica Borja Eijo García, patrón de costa do buque, natural da Regueira e afincado en Viveiro.

“se está malo, no mar o traballo de cinco minutos pódeche levar 30. iso acaba minando”, expón o mariñeiro

Só pensar en pasar seis meses no mar sen apenas contacto coa terra nin descanso resulta difícil e fai relativizar a dureza do noso confinamento. “Os camarotes son de catro ou cinco traballadores, o barco ten 28 metros de eslora por sete de manga e agora mesmo estamos a bordo de 13 mariñeiros e un biólogo. É imposible manter as separacións e distancias requeridas polas autoridades sanitarias, comemos dez persoas nunha mesa que pode ter catro metros de longo. Nun camarote de dous metros cadrados durmen catro obreiros“, resume Eijo.

AS PEQUENAS FRUSTRACIÓNS DUN MEDIO ADVERSO

Á claustrofobia polo reducido espazo e pola lonxanía da terra firma únese a dificultade de que o mar “é un medio adverso“, lembra Eijo. “Cando está mal tempo un traballo de cinco minutos pode levarche media hora. Tanteas a subida e baixada do barco, agárraste cunha man e só tes outra para traballar, ás veces non podes durmir porque o barco non para quieto. Non é fácil de levar, porque en lugar de estar na casa podes levar unha baldeada de auga fría por riba. Todo iso aféctalle á xente”, remarca.

A MAREA, UN CARRUSEL DE EMOCIÓNS AO QUE “NON TE ACOSTUMAS”

Así, as mareas convértense nun carrusel emocional. “O proceso da xente soe ser o seguinte: os primeiros días tómanse con menos ganas de festa e de broma; despois, cando comeza a rutina, xa nin contas os días, non sabes se é martes, luns ou venres; no remate a xente ve a luz ao final do túnel e xa andamos todos máis contentos, e cando arrancamos todo son risas e festa, imos coma picariños”.

“todos acabamos a marea como picariños. o confinamento no mar é algo ao que nunca te acostumas, teñas 20 anos ou 50”, resume

Iso demostra, argumenta, que os días no mar minan a toda a tripulación, tanto á máis nova como á máis experta: “eu penso que é algo ao que nunca te acostumas, teñas 20, 30 ou 50. Hai xente que foi unha vez nunca volveu poñer o pé nun barco”, salienta.

A CALIDADE HUMANA DA TRIPULACIÓN, CHAVE

A calidade humana dos tripulantes, nestes casos, tórnase esencial. “O día a día depende moito da tripulación que che toque, agora mesmo temos xente marabillosa. Ás veces é complicado, hai xente problemática ou mesmo outra que toma drogas. Agora xa non se leva alcol, cando antes si se facía, e aquilo non podía ser”, recorda.

As discrepancias poden ser difíciles de levar, de tantos días que un convive nun espazo reducido, pero “as amizades que un fai quedan para toda a vida“, subliña.

“a xente valorará agora o importante que é tomar unha caña cos amigos ou baixar a ler o xornal pola mañá”, asegura

De que tira nos días máis complicados? “Da familia, que é o que fai mirar para diante. Agora podemos contactar con elas e non é coma antes, que coa telefonía antiga non tiñas intimidade e escoitábate toda Europa”, ri. Con todo, con ou sen coronavirus, “estás lonxe e se morre un familiar ou hai unha desgraza non podes apoiar coma na casa”.

“É IMPORTANTE PENSAR QUE UN SE SACRIFICA POR ALGO”

Eijo propón imaxinar as pequenas grandes cousas que un pode facer cando acabe todo e marcarse obxectivos. “Alá pensas en que cando chegues á casa vas poder desfrutar de cousas que, como vós podedes comprobar agora co confinamento, moitas veces non valoramos, como tomar unha caña cos amigos, ler o xornal pola mañá, que non botas de menos ata que che faltan. Ir de viaxe, facer unha churrascada. E logo tamén pensamos en metas como cambiar de coche ou facer unha reforma na casa; pensas que te sacrificas para iso e axúdache a pasar os días tontos”, relata.

O VIRUS, UNHA APRENDIZAXE SOBRE A VULNERABILIDADE

A psicóloga Carmen Rubiños, directora da residencia de Ribadeo, insta a preguntarse canto do confinamento é voluntario e canto obrigado. “Se se nos informa axeitadamente sobre o que está pasando e como podemos axudar, de cal é a nosa responsabilidade e para que estamos a facer este sacrificio, as implicacións psicolóxicas son menores. Confinados estamos a coidarnos e coidar. Incluso podemos saír reforzados, cunha aprendizaxe sobre a nosa propia saúde, sobre a nosa propia vulnerabilidade e como nos contaxiamos”, expón.

“hai que incidir na parte voluntaria da corentena. na casa coidámonos e estamos a coidar”, remarca a psicóloga

BUSCAR ESPAZOS E OCUPACIÓNS PARA ATALLAR A ANSIEDADE

A especialista sinala que nestes casos “as condutas de ansiedade son as máis importantes En Wuhan síntomas deste tipo déronse nun 40% entre a poboación, nalgún momento da corentena. Estamos afrontando algo descoñecido, e o descoñecido para o ser humano sempre xera isto”, concreta. Unha situación que se une á inseguridade laboral que viven moitos traballadores: “é un tema importante e sumatorio, pero que aparece máis cando estás a salvo, que é o que estamos tentando conseguir”, indica.

A psicóloga admite, con todo, que o espazo do que dispón cada familia condiciona o descanso. “É diferente se podes vivir nunha casa ou se vives nun piso de dúas habitacións coa túa parella e un neno pequeno ou dous; sexa como sexa, hai que buscar un espazo de respiro”, afirma.

“o medo é unha sensación adaptativa e favorece a supervivencia. podemos transformalo en enerxía”, sinala

“A procura do equilibrio é algo que temos que traballar, buscar a nosa proporcionalidade. É importante pensar en se estamos facendo todo o que podemos, se estamos levando a cabo unha tarefa de concienciación, cos maiores, cos nenos, colaborando coa comunidade; se estamos a utilizar no noso beneficio a enerxía que provoca o medo, que é unha sensación adaptativa, necesaria para vivir, favorece a supervivencia. Temos que temer a un león para saber que é perigoso”, exemplifica.

SER “MENOS RÍXIDO” COS PEQUENOS

A nivel práctico, aconsella “poñerse tarefas seguir rutinas“. No tocante aos pícaros, recomenda “aproveitar para ser un pouco menos ríxido; non podemos esperar que teñan un comportamento tan exemplar como noutras situacións normais, porque eles tamén o perciben e teñen medo”, sostén. “Se eles nos ven tranquilos, bromeando coa situación se se pode, tamén o van levar mellor”, engade.

No tocante aos adultos, “o mesmo ocorre con nós; non debemos pensar en ser hiperprodutivos senón tamén aprender a descansar, ler, limitar a tecnoloxía e buscar outras opcións, como a escritura, un libro, coser, atopar o noso recuncho para sentirnos máis tranquilos”, recomenda.

“lembro con cariño as convivencias de noite, todos nun salón pequeno. podemos recuperar un pouco esa esencia”, indica

ESTREITAR OS LAZOS

Eijo expón que un encerro pode reforzar os lazos, e a psicóloga coincide. “Cando era nena, había un salón e todos conviviamos alí. Eu lémbroo con cariño. Trátase agora de recuperar un pouquiño aquilo, non hai nin que dubidar que non sexa posible un estreitamento das relacións. Pero temos que poñer da nosa parte: podemos compartir tarefas, asignalas. Pasar máis horas xuntos é a vez buscarno o noso espazo. Haberá discusións, pero forman parte da vida”, matiza.

Eijo ten un último consello: “coidado co día que levanten a prohibición, ese día é perigoso porque hai euforia“, conclúe entre risos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...